O INCIO. LABORATORIO XESTIÓN EVENTOS MUSICAIS
Data: 2 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Imparte: Patricia Hermida. Presidenta Asociación Galega de Empresas Musicais. (AGEM)
Actividade formativa especializada en normativas autonómicas e estatais, seguridade nos espectáculos e implicacións legais para unha correcta e segura organización de eventos.
Patricia Hermida, é avogada especialista neste ámbito, quen achegará a súa experiencia profesional para orientar ás persoas participantes no cumprimento legal e na planificación segura dos eventos.
Actividade dirixida á organizadores, ás asociacións culturais e a profesionais vinculados á xestión musical, co obxectivo de fortalecer capacidades, compartir experiencias e mellorar a preparación técnica e legal da organización de festivais e actividades culturais na comarca.
SAMOS. LABORATORIO DE PATRIMONIO INMATERIAL. BAILE
Data: 9 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Imparte: Chus Caramés, Ruth Pérez.
Samos será escenario dun Laboratorio de Patrimonio Inmaterial centrado no Baile Tradicional, concebido como unha masterclass dirixida aos grupos de danza da comarca.
A actividade será impartida por Chus Caramés especialista en didáctica do baile e Ruth Pérez, integrante esta última do grupo Cántigas e Frores de Lugo e ambas referentes na recuperación, difusión e ensino da danza galega.
Este laboratorio procura reforzar as capacidades formativas dos grupos locais de baile, ao tempo que promove a transmisión interxeracional e o recoñecemento social desta práctica cultural.
A sesión está dirixida á todas aquelas persoas interesadas na mellora práctica do baile tradicional.
PARADELA. LABORATORIO DE LITERATURA, RUTAS E CERTAMES
Data: 16 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Imparte: Manuel Bragado. Ex Director de Edicións Xerais de Galicia, Presidente dos Premios da Critica de Galicia, Presidente Fundación Luces, Patrono Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Dentro da programación de Sarria <30, Paradela acollerá un Laboratorio de Literatura, Rutas e Certames, impartido por Manuel Bragado, editor e referente do sector literario en Galicia.
Este laboratorio combina reflexión teórica e análise práctica, co obxectivo de dar visibilidade ao potencial do sector literario e ao papel dinamizador da cultura escrita na identidade da comarca. A proposta está dirixida á mocidade, a profesorado, creadoras e creadores, así como a asociacións e público interesado en coñecer de preto o funcionamento de certames e rutas culturais como ferramentas de promoción do territorio.
O PÁRAMO. LABORATORIO DE PATRIMONIO INMATERIAL. CANTO
Data: 16 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Imparte: Davide Salvado
No marco de Sarria <30, O Páramo acollerá un Laboratorio de Patrimonio Inmaterial centrado no Canto Tradicional, concebido como un espazo de aprendizaxe e transmisión oral.
A sesión estará guiada por un dos grandes referentes da música tradicional galega, Davide Salvado.
O laboratorio terá unha dimensión práctica e participativa, reunindo agrupacións da comarca e promovendo a continuidade do canto como patrimonio vivo e potenciando o intercambio entre colectivos culturais.
LÁNCARA. LABORATORIO DE DANZA CONTEMPORANEA
Data: 23 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Imparte: Rut Balbís – Pisando ovos
No marco do programa Sarria <30, a Láncara acollerá un Laboratorio de Danza Contemporánea, concebido como unha experiencia práctica de creación en diálogo coa natureza.
O laboratorio explorará as posibilidades da Danza Contemporanea como disciplina que integra a contorna natural, promovendo procesos creativos que poñen en valor o patrimonio paisaxístico de Láncara. A proposta contempla tamén un espazo de mediación e liderado social, facilitado pola experiencia do espazo da Palleira de Manán, onde se desenvolverá a sesión de tarde. O obxectivo é fomentar a reflexión crítica e a aprendizaxe compartida a través da danza.
A actividade estará aberta á colectivos culturais, así mesmo ao público interesado en experimentar novas formas de expresión artística vencelladas á natureza e á identidade do territorio.
TRIACASTELA. LABORATORIO CULTURA E TURISMO
Data: 23 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Ponente: Manuel Gago
No marco de Sarria<30, Triacastela acollerá un Laboratorio de Cultura e Turismo, centrado na relación entre o tecido empresarial e empreendedor e o potencial do Camiño de Santiago como eixo de desenvolvemento local.
A sesión será conducida por Manuel Gago, experto en dinamización territorial e turismo cultural.
O laboratorio reunirá tamén a entidades e profesionais diretamente vinculados ao Camiño, co obxectivo de reforzar a cooperación público-privada, compartir experiencias e explorar estratexias innovadoras para vincular cultura, turismo e emprendemento.
A actividade está dirixida a emprendedores e emprendedoras, asociacións culturais e profesionais do sector turístico, así como á mocidade interesada en novas oportunidades arredor do Camiño de Santiago como motor económico, social e cultural da comarca.
SARRIA. LABORATORIO TEATRO + XORNADA INCLUSIÓN
Data: 2 e 9 de maio de 2026
Horario: 10.30 h – 14.00 h
Ponente: Ernesto Is. Dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramático. ESAD.
Sarria acollerá un Laboratorio de Teatro, concibido como un espazo de formación para grupos de teatro afeccionado e persoas interesadas na arte escénica. Terá dúas sesións, unha será Especial Diversidade.
A actividade será dirixida por Ernesto Is e contará coa colaboración de colectivos locais. O laboratorio busca amosar as posibilidades creativas do teatro como disciplina cultural, fomentar o empoderamento persoal e colectivo, e promover o emprendemento artístico na vila e na comarca. Sarria<30 pretende destacar o seu papel como ferramenta de inclusión en colectivos con diferentes capacidades.
Esta actividade está dirixida á mocidade, ás asociacións culturais e ao público xeral.
LABORATORIO SARRIA <30. EVENTO CENTRAL
Data: 30 de maio de 2026
PRAZA DE ABASTOS. Sarria
Sarria <30 será unha xornada singular na que un espazo simbólico no corazón da vila se converterá nun escenario aberto e horizontal. A mocidade será protagonista, compartindo historias, presentando proxectos culturais e empresariais, expoñendo procesos creativos e construíndo unha identidade cultural colectiva.
A proposta combina entrevistas colectivas, mesas de debate, exposicións e actividades participativas, creando un exercicio común de transferencia de coñecemento, recoñecemento social e celebración da diversidade da xeración máis formada e innovadora da historia da comarca.
A programación é multidisciplinar, abarcando cultura, música, arte, deseño, moda, emprendemento, tecnoloxía, innovación social e comunicación. A actividade contará coa participación de mozos e mozas emprendedoras da comarca de Sarria, así como de convidados/as especiais, que achegarán experiencias e aprendizaxes adquiridas noutros contextos.
Un xornalista e comunicador local dinamizará o set de entrevistas, guiando o encontro e favorecendo o diálogo.
Procedencia:
Participarán persoas e colectivos dos sete concellos da comarca (Sarria, O Páramo, O Incio, Láncara, Triacastela, Samos e Paradela), xunto con sarrianos e sarrianas que desenvolven proxectos en Galicia, no Estado ou no estranxeiro, reforzando así a conexión entre territorio e diáspora.
Lugar: Un espazo central e accesible en Sarria, decorado cun formato moderno e visual que convide á participación cidadá nun espazo non habitual para a actividade cultural.
Público destinatario:
- Mocidade ao redor de 30 anos como protagonistas e xeradores de coñecemento.
- Comunidade sarriana en xeral (familias, xeracións anteriores, colectivos culturais, empresariais e sociais), fomentando recoñecemento mutuo e sentimento de pertenza.
- Público visitante interesado en coñecer a realidade cultural innovadora da comarca.
A xornada comezará ás 11.00 horas coa Mesa de Emprendemento. Formación, organizada polo Polo de Emprendemento de Sarria (Xunta de Galicia, Consellería de Economía), que abrirá o encontro cun espazo de diálogo sobre as ferramentas económicas e de formación dispoñibles para impulsar proxectos e iniciativas na comarca.
Ás 12.30 horas terá lugar a Mesa de Patrimonio Inmaterial, centrada nas festas e tradicións locais como exemplos de identidade e cohesión comunitaria. Guiado e moderado polo investigador, profesor universitario e divulgador do Patrimonio Inmaterial galego, Rafael Quintía.
Ás 13.30 horas celebrarase unha Mesa Pop-up Gastronómica, que porá en valor os produtos locais e a gastronomía.
A programación retomarase ás 17.00 horas coa Mesa de Eventos Musicais, na que se abordará e presentarán as organizacións de festivais e a súa contribución á dinamización cultural da comarca.
Ás 18.30 horas celebrarase a Mesa de Emprendemento <30. Que reunirá experiencias de éxito en diferentes ámbitos.
A xornada pecharase ás 20.00 horas cunha sesión electrónica, OFF Sarria<30, nun ambiente festivo e de celebración colectiva.




















